O 7 de febreiro entregouse a XXVII edición do Premio San Clemente ás 3 escritoras premiadas: en lingua galega, a Sica Romero, por Avelaíñas eléctricas, en lingua castelá, a Brenda Navarro, por Ceniza en la boca, e en lingua estranxeira, a Nell Leyshon, por La escuela de canto. Pola mañá, ás 13.00h, celebrouse unha rolda de prensa no Salón de claustros onde a alumna Noah Viñas presentou ás 3 autoras. Ás 18.00h foi o acto de entrega do Premio no Salón de Actos, presidido pola alumna Irene Lazzari Otero, e posteriormente houbo unha cea no Hostal dos Reis Católicos en compañía das escritoras galardoadas.



Ao acto asisitiu o alumnado dos centros que formaron parte do xurado, xunto co profesorado acompañante: do noso instituto e de oito centros máis: IES Laxeiro, de Lalín (Pontevedra); IES da Terra Chá José Trapero Prado, de Castro de Rei (Lugo); IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia (Ourense); IES Terra de Xallas, de Santa Comba (A Coruña); IES Eduardo Pondal, de Santiago de Compostela; IES Ramiro de Maeztu (Madrid), Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia) e Grimmelsahusen Gymnasium de Gelhausen (Alemaña). Tamén asisitiron diversas autoridades: a Alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Manuel Vila, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, a Primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, membros da corporación municipal, profesorado e alumnado.




As escritoras Sica Romero e Nelle Leyshon tiveron un encontro con alumnado do noso instituto o mércores 7 pola mañá e con alumnado do Instituto de Pontepedriña durante a mañá do xoves 8, día en que a autora Brenda Navarro estivo cos nosos estudantes.

XXVII Premio San Clemente nos medios

En Avelaíñas eléctricas, Sica Romero (Carnota 1995) trata con delicadeza e cariño os distintos temas universais e ancestrais: violencia, amor, amizade, responsabilidade, a sexualidade, as diferencias ou as drogas. O xurado destacou que a temática da novela conecta con eles, coa rapazada nova, e ademais salientou o uso de dialectalismos coma o seseo e a gheada “porque ao non ser habituais rompen prexuízos na lingua galega”.

En Ceniza en la boca, Brenda Navarro (Ciudad de México, 1982) cóntanos a viaxe emocional dunha moza a partir dun tráxico suceso. O seu irmán Diego salta dende a fiestra dun quinto piso e dende entón esa imaxe non deixa de barrenar na cabeza de súa irmá. Ela bota a vista atrás e cóntanos a historia dos dous irmáns. O xurado destacou que a obra móstranos “unha verdade difícil de asumir na sociedade”

En La escuela de canto, Nell Leyshon (Glastonbury, Reino Unido, 1962) trasládanos á Inglaterra de 1573. A nena Ellyn pasa os días traballando moi duro na humilde granxa da súa familia. Nun ambiente de miseria e brutalidade, a única ledicia de Ellyn é Agnes, a súa irmá pequena, coa que ten un vínculo especial. O xurado valorou o enfoque que a autora dá á historia pola “óptica humana, natural e desideoloxizada coa que se aborda o feminismo”.