PROMOCIÓN
1. Promociónase automaticamente dun curso a outro con todas as materias ou ámbitos aprobados ou con avaliación negativa nunha ou dúas materias, considerándose para o cómputo as materias non superadas do propio curso e as de cursos anteriores.
2. Con máis de dúas materias suspensas, o equipo docente poderá decidir a promoción dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:
a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias nas que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
b) Que a suma dos períodos lectivos semanais establecidos no anexo IV das materias ou dos ámbitos con avaliación negativa non sexa superior a dez. Para estes efectos, non se considerarán as materias pendentes de cursos anteriores nin as horas de libre disposición.
c) Que o equipo docente considere que a natureza das materias non superadas lle permite seguir con éxito o curso seguinte.
d) Que o equipo docente estime que ten expectativas favorables de recuperación.
e) Que o equipo docente estime que a devandita promoción beneficiará a súa evolución académica.
TITULACIÓN
1. O título de graduado en educación secundaria obrigatoria obtense superando todas as materias ou ámbitos cursados.
2. Con materias suspensas, o equipo docente poderá decidir a obtención do título por parte dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:
a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
b) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno adquirise as competencias establecidas.
c) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno alcanzase os obxectivos da etapa.