O IES Plurilingüe Rosalía de Castro, O Rosalía, é un centro de ensino público situado no centro de Santiago de Compostela a escasos metros da catedral. A súa sede é un edificio patrimonial de 400 anos de historia: o Colexio San Clemente de Pasantes, fundado polo arcebispo Juan de San Clemente a principios do século XVII, seguindo o modelo do Colexio de Fonseca. No ano 1941 converteuse na sede do recén creado (1939) Instituto feminino de Ensino secundario. No curso 1985/86 o instituto pasou a ser mixto. Desde o ano 1993 conta con dúas novas instalacións situadas na parte posterior do edificio principal: un polideportivo e un auditorio, ámbolos dous proxectados polo arquitecto alemán Paul Kleihues.
O edificio naceu como centro de ensinanza e esa mesma función continúa na actualidade. Primeiramente, como Colexio San Clemente de Pasantes, acolleu a estudantes licenciados que recibían bolsas para estudar teoloxía (función que cumpriu ata principios do século XIX), agora acolle a preto de 1.000 estudantes que cursan estudos de ESO, Bacharelato, Bacharelato Internacional, Ciclos Formativos de Grao Superior e Educación de Adultos.
No ano 2012, con motivo do 400 aniversario do Colexio San Clemente e o 70 do Instituto Rosalía de Castro, publicouse un libro para celebrar dita efeméride. O libro organízase en 5 partes:
1. O edificio e os seus anexos.
2. Antes: Colexio de San Clemente de Pasantes.
3. Despois: Instituto Rosalía de Castro.
4. Agora: o Rosalía de Castro, un centro do século XXI.
5. Remate.