A Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) é unha etapa educativa obrigatoria e gratuíta que cumprimenta a educación básica. Consta de catro cursos académicos, que se seguirán ordinariamente entre os doce e os dezaseis anos de idade.

Organízase de acordo cos principios de educación común e atención á diversidade e presta especial atención á orientación educativa e profesional do alumnado, tendo en conta a perspectiva de xénero, así coma as necesidades educativas específicas do alumnado con discapacidade.
A Educación Secundaria ten por finalidade:
▪ Conseguir que o alumnado adquira os elementos básicos da cultura, especialmente nos seus aspectos humanístico, artístico, científico-tecnolóxico e motriz.
▪ Desenvolver e consolidar neles hábitos de estudo e traballo e tamén hábitos de vida saudables.
▪ Preparar ao alumnado para a súa incorporación a estudos posteriores e par a súa inserción laboral.
▪ Formar o alumnado para o exercicio dos seus dereitos e obrigas da vida como cidadáns.

PROMOCIÓN
1. Promociónase automaticamente dun curso a outro con todas as materias ou ámbitos aprobados ou con avaliación negativa nunha ou dúas materias, considerándose para o cómputo as materias non superadas do propio curso e as de cursos anteriores.

2. Con máis de dúas materias suspensas, o equipo docente poderá decidir a promoción dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:

a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias nas que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
b) Que a suma dos períodos lectivos semanais establecidos no anexo IV das materias ou dos ámbitos con avaliación negativa non sexa superior a dez. Para estes efectos, non se considerarán as materias pendentes de cursos anteriores nin as horas de libre disposición.
c) Que o equipo docente considere que a natureza das materias non superadas lle permite seguir con éxito o curso seguinte.
d) Que o equipo docente estime que ten expectativas favorables de recuperación.
e) Que o equipo docente estime que a devandita promoción beneficiará a súa evolución académica.

TITULACIÓN
1. O título de graduado en educación secundaria obrigatoria obtense superando todas as materias ou ámbitos cursados.

2. Con materias suspensas, o equipo docente poderá decidir a obtención do título por parte dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:

a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
b) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno adquirise as competencias establecidas.
c) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno alcanzase os obxectivos da etapa.