O alumnado de 3º de ESO celebrou a 1st Global Classroom Mock Conference, unha iniciativa promovida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. A xornada desenvolveuse integramente en lingua inglesa e estivo centrada na análise do cambio climático desde a perspectiva das posicións oficiais dos diferentes países membros da ONU.

Máis de 110 alumnos e alumnas formaron parte activa desta experiencia educativa, que tamén contou coa presenza de numerosas familias, ás que agradecemos o seu interese e acompañamento. Trátase dunha actividade marcada pola colaboración, a aprendizaxe activa e un enfoque rigoroso e transformador, que puxo en valor o esforzo e a implicación de toda a comunidade educativa.

Ao longo da xornada, o noso alumnado demostrou un excelente dominio do inglés, destacando pola súa fluidez, seguridade e capacidade de comunicación nun contexto formal de carácter internacional. O traballo previo de investigación e preparación reflectiuse en intervencións de gran calidade, comprometidas cos grandes retos do mundo actual.

Desde o centro queremos salientar especialmente a excelente coordinación entre o profesorado dos distintos departamentos implicados, que traballou de maneira conxunta para ofrecer unha experiencia educativa completa e enriquecedora. Esta colaboración interdisciplinar permitiu integrar contidos de diversas áreas, favorecendo unha visión global e o desenvolvemento de competencias como a investigación, o pensamento crítico, o diálogo e a empatía intercultural.

O instituto valora moi positivamente esta iniciativa, que consideramos pioneira en Galicia. Global Classroom supón unha oportunidade clave para o desenvolvemento de competencias lingüísticas, sociais e académicas do noso alumnado, ao tempo que promove valores fundamentais como o traballo en equipo, o respecto e a apertura a outras culturas.

ALUMNADO SELECCIONADO GLOBAL CLASSROOM