INICIATIVAS | DESTINATARIOS | RESPONSABLES | METODOLOXÍA | TEMPORIZACIÓN |
---|---|---|---|---|
Conmemoracións de Igualdade | Alumnado e profesorado do centro. | O alumnado coa mediación do profesorado. | Dada a diversidade das actividades realizadas, aplícanse diferentes principios metodolóxicos. | Durante todo o curso. Principalmente as datas de conmemoracións: 25N, 8M , 11F, 28X … |
Obradoiros coeducativos | Alumnado da ESO | Impartidos por profesorado do grupo de Igualdade, con formación previa. | Os obradoiros son prácticos e realízanse coa participación do alumnado. | No segundo trimestre. |
Grupo de alumnado de Igualdade e apoio á diversidade lgtbi+ | Alumnado de todos os niveis | Profesorado pertencente á coordinación de Igualdade. | Xuntanzas nas que se debate, fanse propostas e trátanse temas diversos. | Un recreo semanal. |
Club de lectura coeducativo | Alumnado de bacharelato | Coordinadora de Igualdade | Xuntanzas de intercambio de opinións sobre as lecturas e encontros con escritorxs. | Unha ou dúas xuntanzas por trimestre. |
No curso 2019-20 comezou a andaina da Coordinación de Igualdade do noso centro e fíxoo levando a cabo a tarefa de elaborar un Plan de Igualdade. O que se pretendía era diagnosticar, en primeiro lugar, cal era a situación e, sobre a base do diagnóstico, tomar medidas e desenvolver o maior número posible de actividades coeducativas. Este plan terá que ser revisado no curso 24-25.
Os obxectivos básicos da Coordinación de Igualdade, que conta coa colaboración de membros de todos os sectores da comunidade educativa, son evitar calquera tipo de discriminación por cuestión de xénero, respectar e apoiar a diversidade afectivo-sexual no centro e previr as violencias machistas.
Nestes cursos leváronse a cabo accións puntuais e periódicas como a conmemoración de datas sinaladas con accións colectivas: manifestos, exposicións, preformances e actividades de aula. Ademais, o grupo de igualdade do profesorado formouse para impartir obradoiros coeducativos ao alumnado. Contamos tamén cun club de lectura coeducativo, no que é habitual a presenza dxs autorxs das obras propostas. E no curso 21-22 púxose en marcha o grupo de apoio á Igualdade e a Diversidade Lgtbi+ formado por alumnado de distintos niveis e coordinado por profesorado do centro.
Á Coordinación de Igualdade sempre lle preocupou a visibilización do labor desenvolvido por mulleres e habitualmente silenciado. No curso 2020-21 realizouse o proxecto: Mulleres de Compostela: tras os pasos das nosas pioneiras, que se deu a coñecer nese curso no centro cunha exposición o 8 de marzo, pero ademais o resultado final do proxecto foi un mapa interactivo que situaba na cidade as cincuenta mulleres seleccionadas e daba información sobre elas noutros tantos vídeos. Este proxecto recibiu dous premios: Educacompostela do concello de Santiago e o Concepción Arenal da Deputación da Coruña.
Tratamos, en definitiva, de facer do noso centro un centro coeducativo, no que o noso alumnado se sinta seguro, no que non haxa nin privilexios nin discriminacións.
Premio EDUCACOMPOSTELA
O traballo Mulleres de Compostela: tras os pasos das nosas pioneiras, realizado de forma coral por alumnado e profesorado dentro das actividades do Departamento de Igualdade que coordina a profesora Sira Vidal, tivo un dobre recoñecemento. Por un lado, acadou o segundo premio da XIV edición dos Premios Compostela, que convoca o Concello de Santiago xunto con Nova Escola Galega. O xurado do premio salientou o interese da proposta en “visibilizar a figura feminina nos diferentes ámbitos do contexto xeográfico local, creando un recurso que pode resultar beneficioso alén da comunidade”.
Así mesmo, este traballo tamén gañou, na categoría de educación secundaria, o IX Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero, convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña. O xurado valorou “a colaboración do profesorado de distintas disciplinas cunha capacidade de transversalizar o fomento da igualdade de xénero e a procura de referentes históricos que abriron camiños na toma de conciencia dos dereitos conseguidos, historias fascinantes de loita e discriminación”.
Actividades curso 2022-23
O Seminario de Igualdade desenvolveu un abano moi amplo de Accións Coeducativas encamiñadas á inclusión e o respecto á diversidade. Todas esas accións recóllense no vídeo-resumo de Actividades coeducativas.
Tamén achegamos 2 vídeos con opinións do alumnado de 1º de Bacharelato sobre a prostitución, que se gravaron antes e despois do encontro coa activista Amelia Tiganus no Auditorio de Galicia o 10 de febreiro de 2023.