O Bacharelato forma parte da Educación Secundaria postobrigatoria, e polo tanto ten carácter voluntario. Comprende dous cursos académicos, que se realizan ordinariamente entre os 16 e 18 anos de idade.
O Bacharelato desenvólvese en modalidades diferentes, organízase de modo flexible e, no seu caso, en distintas vías, a fin de que poida ofrecer unha preparación especializada aos alumnos e alumnas acorde coas súas perspectivas e intereses de formación ou permita a incorporación á vida activa unha vez finalizado o mesmo.
O bacharelato ten como finalidade:
-
Proporcionar formación, madurez intelectual e humana, coñecementos, habilidades e actitudes que permitan desenvolver funcións sociais e incorporarse á vida activa con responsabilidade e competencia.
-
Permitir a adquisición e logro das competencias indispensables para o futuro formativo e profesional.
-
Capacitar para o acceso á educación superior.
No noso centro impártense dúas modalidades de bacharelato:
-
Modalidade de Ciencia e Tecnoloxía.
-
Modalidade de Humnidades e Cienciais Sociais.
PROMOCIÓN
1. Os alumnos e alumnas promocionarán de primeiro a segundo de bacharelato cando superen as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias, como máximo. En todo caso, deberán matricularse en segundo curso das materias pendentes de primeiro. Os centros educativos deberán organizar as consecuentes actividades de recuperación e a avaliación das materias pendentes.
2. As alumnas e os alumnos do primeiro curso de bacharelato que non cumpran as condicións de promoción establecidas deberán matricularse de todas as materias e repetir o curso na súa totalidade.
3. As alumnas e os alumnos que ao termo do segundo curso tivesen avaliación negativa nalgunhas materias poderán matricularse delas sen necesidade de cursar de novo as materias superadas ou poderán optar, así mesmo, por repetir o curso completo. Neste último caso, non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno tivera superado previamente.
TITULACIÓN
1. O título de bacharel acredita o logro dos obxectivos establecidos para a etapa e a adquisición das competencias correspondentes.
2. Para obter o título de bacharel cumprirá a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato.
3. Excepcionalmente, cunha materia suspensa, o equipo docente poderá decidir a obtención do título de bacharel por unha alumna ou un alumno sempre que se cumpran ademais todas as condicións seguintes:
a) Que o equipo docente considere que a alumna ou o alumno alcanzou as competencias e os obxectivos vinculados a ese título.
b) Que non se produciu unha inasistencia continuada e non xustificada por parte da alumna ou do alumno na materia.
c) Que a alumna ou o alumno se presentou ás probas e realizou as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria.
d) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias da etapa cursadas que como mínimo se requiran para a obtención do título pola modalidade pola que se remata sexa igual ou superior a cinco. Neste caso, para os efectos do cálculo considerarase a nota numérica obtida na materia non superada.
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL
EXTRACTO da Orde do 19 de abril de 2024 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2023/24 (código de procedemento ED311A).
BDNS (Identif.) 756273.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
Alumnado que finalice os estudos de bacharelato no curso 2023/24 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, sexa proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso e obtivese unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75.
Segundo. Obxecto
Convocar na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de bacharelato (código de procedemento ED311A) para o alumnado que finalice os estudos de bacharelato no curso 2023/24 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 19 de abril de 2024 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2023/24.
Orde ECD/482/2018, do 4 de maio, pola que se regulan os premios nacionais de bacharelato establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE núm. 115, do 11 de maio).
Cuarto. Importe
Vinte premios extraordinarios cunha dotación global de 20.000 €. Cada premio estará dotado con 1.000 €.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, comezará o día 29 de abril de 2024 e rematará o día 28 de maio de 2024.