O traballo Mulleres de Compostela: tras os pasos das nosas pioneiras, realizado de forma coral por alumnado e profesorado dentro das actividades do Departamento de Igualdade que coordina a profesora Sira Vidal, tivo un dobre recoñecemento. Por un lado, acadou o segundo premio da XIV edición dos Premios Educacompostela, que convoca o Concello de Santiago xunto con Nova Escola Galega. O xurado do premio salientou o interese da proposta en “visibilizar a figura feminina nos diferentes ámbitos do contexto xeográfico local, creando un recurso que pode resultar beneficioso alén da comunidade”.
Así mesmo, este traballo tamén gañou, na categoría de educación secundaria, o IX Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero, convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña. O xurado valorou “a colaboración do profesorado de distintas disciplinas cunha capacidade de transversalizar o fomento da igualdade de xénero e a procura de referentes históricos que abriron camiños na toma de conciencia dos dereitos conseguidos, historias fascinantes de loita e discriminación”.