
O 24 de outubro, no Salón de Claustros do instituto, déronse a coñecer as novelas gañadoras da XXVII edición do Premio literario San Clemente: Avelaíñas eléctricas, de Sica Romero, en lingua galega, Ceniza en la boca, de Brenda Navarro, en lingua castelá, e La escuela de canto, de Nell Leyshon, en lingua estranxeira.
O xurado desta edición, formado por alumnado de 2º de bacharelato, pertence a 10 centros. Ademais do noso instituto, están no xurado o IES Laxeiro, de Lalín (Pontevedra); IES da Terra Chá José Trapero Prado, de Castro de Rei (Lugo); IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia (Ourense); IES Terra de Xallas, de Santa Comba (A Coruña); IES Eduardo Pondal, de Santiago de Compostela; IES Ramiro de Maeztu (Madrid), e de centros estranxeiros: Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia); Hockerill Anglo European College de Londres (Reino Unido), e Grimmelsahusen Gymnasium de Gelhausen (Alemaña).

En Avelaíñas eléctricas, Sica Romero (Carnota 1995) trata con delicadeza e cariño os distintos temas universais e ancestrais: violencia, amor, amizade, responsabilidade, a sexualidade, as diferencias ou as drogas. O xurado destacou que a temática da novela conecta con eles, coa rapazada nova, e ademais salientou o uso de dialectalismos coma o seseo e a gheada “porque ao non ser habituais rompen prexuízos na lingua galega”.

En Ceniza en la boca, Brenda Navarro (Ciudad de México, 1982) cóntanos a viaxe emocional dunha moza a partir dun tráxico suceso. O seu irmán Diego salta dende a fiestra dun quinto piso e dende entón esa imaxe non deixa de barrenar na cabeza de súa irmá. Ela bota a vista atrás e cóntanos a historia dos dous irmáns. O xurado destacou que a obra móstranos “unha verdade difícil de asumir na sociedade”

En La escuela de canto, Nell Leyshon (Glastonbury, Reino Unido, 1962) trasládanos á Inglaterra de 1573. A nena Ellyn pasa os días traballando moi duro na humilde granxa da súa familia. Nun ambiente de miseria e brutalidade, a única ledicia de Ellyn é Agnes, a súa irmá pequena, coa que ten un vínculo especial. O xurado valorou o enfoque que a autora dá á historia pola “óptica humana, natural e desideoloxizada coa que se aborda o feminismo”.
A resolución da XXVII edición nos medios