O 7 de febreiro entregáronse 2 edicións do Premio San Clemente Rosalía-Abanca. No acto participaron dous dos tres gañadores da vixesimoquinta edición, Emma Pedreira, por «Besta do seu sangue»; e Antonio Manzini, por «7-7-2007». O vencedor en lingua castelá, Carlos Busqued, faleceu hai dous anos. O recoñecemento a estes autores fora aprazado pola pandemia e agora coincidiron cos galardoados da vixesimosexta edición: María ReI , por «Flores de ferro»; Sara Jaramillo, por «Donde cantan as ballenas»; e Audur Ava Òlafsdóttir, por «La escritora».

O acto realizouse no auditorio Abanca do Preguntoiro e contou coa presenza do Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, Román Rodríguez, da concelleira de Urbanismo, Acción Cultural e Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, e do xefe de zona de Santiago de Abanca, Ramón Mariño Pérez. Por suposto, profesorado e alumnado do noso instituto e dos centros que formaron parte do xurado. Ademais do noso, nesta ocasión estiveron o instituto de Pontepedriña, de Santiago de Compostela, o Xulián Magariños, de Negreira (A Coruña), o Vilar Ponte, de Viveiro (Lugo), o Pintor Colmeiro, de Silleda (Pontevedra), o Ferro Couselo, de Ourense, o Ramiro de Maeztu, de Madrid, o Hockerill Anglo-European College, de Reino Unido, o Lycée Saint François Xavier, de Vannes (Francia) e o Grimmelshausen Gymnasium, de Gelnhausen (Hesse, Alemaña). O alumnado de todos estes centros foron os protagonistas do acto, que estivo presidido pola alumna Irene Armesto.

VÍDEO PREMIO SAN CLEMENTE 25 E 26 EDICIÓNS

O premio nos medios