O noso instiuto recibiu a Mención especial dos Premios Magisterio, que se entregaron o 13 de decembro en Madrid, nun acto presentado por Carlos Sobera. A mención é polas múltiples actividades que se desenvolven no instituto, pero tamén por ser pioneiros en achegar ás aulas a Intelixencia Artificial, tanto na súa vertente técnica coma na reflexiva, en colaboración co Centro Singular de Investigación de Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) da Universidade de Santiago. Xa no curso 2015-16, o alumnado de 4º da ESO, coordinado polo profesor Jorge Gómez, gañou o segundo premio de Ética e Ciencia da Fundació Víctor Grifols i Lucas polo traballo Implicaciones éticas de la inteligencia artificial. No ano 2022, un equipo integrado por alumnado de 2º de bacharelato, coordinado polo profesor Javier Turnes, gañou o segundo premio da final estatal da Olimpiada de Filosofía, na modalidade de vídeo, cunha historia sobre o transhumanismo. Nestes últimos anos, varios estudantes realizaron traballos de investigación relacionados coa intelixencia artificial para presentar ao Premio Stephen Hawking. A exalumna Judit González, que na actualidade está cursando o grao de Intelixencia Artificial na USC, gañou o 2º premio da IV edición do Stephen Hawking cunha investigación sobre os tres tipos de algoritmos que interveñen nas recomendacións de Spotify: Estudio comparativo de precisión y explicabilidad en algoritmos de cajas blancas y cajas negras sobre modelos de recomendación musical. Neste curso realizaremos a VI edición do Premio Stephen Hawking, o 19 de abril de 2024. Esta edición, cuxo lema é Intelixencias, está centrada na Intelixencia Artificial e a súa coordinadora é Amparo Alonso, Catedrática de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña.