O sábado 15 de decembro, o noso centro recibiu no MUNCYT da Coruña o Premio “Concepción Arenal” que concede a área de Igualdade da Deputación. O traballo premiado, Mulleres en Compostela, foi realizado polo grupo de Igualdade xunto con varios docentes e coordinado por Sira Vidal no curso 20-21, pero por razóns da pandemia a entrega do premio foise adiando ata esta data. A deputada de igualdade, Soledad Agra, foi quen entregou o premio, en presenza de alumnado, profesorado e membros do equipo directivo.
O xurado valorou deste traballo “a colaboración do profesorado de distintas disciplinas cunha capacidade de transversalizar o fomento da igualdade de xénero e a procura de referentes históricos que abriron camiños na toma de conciencia dos dereitos conseguidos, historias fascinantes de loita e discriminación”.

Este mesmo traballo tamén tivo outro recoñecemento ao acadar o segundo premio da XIV edición dos Premios Educacompostela, que convoca o Concello de Santiago xunto con Nova Escola Galega.