O mércores 23 de outubro anunciouse, en rolda de prensa celebrada no Salón de Claustros do instituto, as obras gañadoras da XXVIII edición do Premio Literario San Clemente, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. En lingua galega resultou gañadora a novela Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello editada por Galaxia; en lingua castelá, Literatura infantil, de Alejandro Zambra, editada por Anagrama; e na modalidade de lingua estranxeira, El retrato de casada, da británica Maggie O’Farrell, publicada por Libros del Asteroide.
Na presentación das obras gañadoras participaron o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila; o secretario xeral de Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Valentón García, e a directora do centro compostelán, Gemma Paredes. Na súa intervención, a directora, ademais de agradecer a inestimable colaboración da Xunta a través de ambas as dúas consellerías, definiu a literatura como un “ben prezado” e sinalou que “os grandes protagonistas da xornada son as alumnas e os alumnos; son os que leron, son os que decidiron”. Gemma Paredes lembrou, ademais, que en 2018 o xurado do Premio San Clemente lle concedeu o galardón a Han Kang, autora surcoreana recentemente galardoada co Nobel. “É a terceira autora que recibe o San Clemente e despois o Nobel, tras José Saramago e Vargas Llosa”, apuntou a directora, percorrendo a historia deste galardón creado en 1995 e que dende aquela distinguiu, entre outros autores, a Paul Auster, Murakami, Antonio Tabucchi, Almudena Grandes, Manuel Rivas, Sica Romero, Brenda Navarro ou María Reimóndez.
Pola súa banda, Valentín García definiu o San Clemente como un “premio emblemático” que pon en valor a literatura cun “xurado nada habitual”, conformado por “lectores e lectoras na súa etapa de formación”. O secretario xeral de Lingua salientou, ademais, que o premio pon “en pé de igualdade” a literatura galega coas literaturas de todo o mundo. Manuel Vila afondou na singularidade deste galardón, subliñando a capacidade de “tecer alianzas con institutos do estranxeiro” e o seu xurado constituído por xente nova, o cal converte o premio nun “gran recoñecemento para calquera autor ou autora”.
O xurado que decidiu as novelas gañadores desta XXVIII edición estivo constituído por estudantes de 2º de bacharelato pertencentes a dez centros educativos: o IES do Sar (Santiago de Compostela), o IES de Brión (Brión, A Coruña), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra), o IES Gregorio Fernández (Sarria, Lugo), o IES Universidade Laboral (Ourense), o IES Ramiro de Maeztu (Madrid), o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido) e o propio Instituto Rosalía de Castro.
NOVELAS GAÑADORAS
LINGUA GALEGA
Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) editado por Galaxia. En 1982, Helena ten 13 anos e os domingos lelle á avoa as cartas que envía o seu tío favorito, Leandro, que marchou ao Brasil para non volver. Un día chega a noticia de que Leandro morreu. A familia sospeita que foi asasinado e encárgalle unha complexa misión a Helena: manter a ficción de que Leandro segue con vida para que a avoa non saiba a verdade.
O xurado destacou no seu ditame “a maxistral construción” de Hotel Carioca para ensamblar “distintas tramas en distintas épocas” e a súa “variedade temática”, na que se abranguen asuntos universais como “a emigración, a familia, a homosexualidade”.
LINGUA CASTELÁ
Literatura infantil, de Alejandro Zambra (Santiago de Chile, 1975) editada por Anagrama. Diario de paternidade, carta ao fillo e ficción pura conviven en extraordinaria harmonía ao longo deste libro.
O xurado salientou a “universalidade temática”, a “sinxeleza da narración e o seu dinamismo”, así como tamén “a reflexión que achega sobre a educación e o sentimento de ser pai”.
LINGUA ESTRANXEIRA
El retrato de casada, de Maggie O’Farrell (Coleraine, Irlanda do Norte, 1972) editado por Libros del Asteroide. Florencia, século XVI. Lucrezia, terceira filla de Cosimo de Medici, vese na obriga de casar co prometido da súa irmá falecida, Alfonso D’Este, primoxénito do duque de Ferrara. Trasládase a corte de Ferrara e o único que está claro para a protagonista é o que se espera dela: que proporcione axiña un herdeiro ao título.
Sobre esta obra, o xurado salientou a conxugación de “dúas liñas emerxentes”, a “linguaxe poética empregada”, a ambientación histórica e “o fincapé” que se fai sobre un asunto esencial na vida: “a procura da liberdade”.
A resolución da XXVIII edición do Premio San Clemente nos medios