O xoves 22 de maio déronse a coñecer as novelas finalistas da XXIX edición do Premio Literario San Clemente nunha rolda de prensa celebrada no Salón de Claustro do centro. O Premio conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e mais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. No anuncio ante os medios participaron o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; o vicedirector do IES Rosalía de Castro, Javier Turnes; a coordinadora do certame, a catedrática Marta Gende, e a profesora de Lingua Galega, a tamén catedrática Sira Vidal.

Na rolda de prensa lembrouse a singularidade deste galardón que ten como xurado a alumnado de 2º de bacharelato. Nesta edición, ademais do noso insitituto, participan 9 centros máis, tanto de Galicia coma do exterior: O IES Antón Losada Diéguez da Estrada (Pontevedra), o IES 12 de Outubro de Ourense, o IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña), o IES Sanxillao (Lugo), o IES Antonio Fraguas de Santiago, o IES Ramiro de Maetzu de Madrid, o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido). A resolución do xurado darase a coñecer no primeiro trimestre do curso 2025-26.

Ao longo de case tres décadas, acadaron este galardón sinaturas tan reputadas como as de Paul Auster, Haruki Murakami, Antonio Tabucchi, José Saramago, Han Kang, Almudena Grandes, Manuel Rivas, María Reimóndez, Anxos Sumai ou Pedro Feijóo. Na pasada edición, levaron o San Clemente Antón Riveiro Coello por Hotel Carioca; Alejandro Zambra por Literatura Infantil e Maggie O’Farrell por El retrato de casada.

NOVELAS FINALISTAS

LINGUA GALEGA

Ledicia Costas (Vigo, 1979). É unha das escritoras galegas máis recoñecidas e traducidas. Entre os seus libros, destacan títulos como Infamia ou Golpes de luz. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Literatura por Escarlatina, a cociñeira defunta.

Pel de cordeiro. Catarina pertence a unha estirpe de bruxas. Herda da súa avoa o oficio. Lola é unha muller do século XXI que atravesa unha crise persoal. Ledicia Costas afonda no espertar sexual, na violencia e na maxia con grandes doses de fantasía.

Sara Vila Alonso (As Neves, 1989) é xornalista. Debutou na escrita con Oito días sen Eva Cortes (Premio Illa Nova) e con O Incendio levou o Premio Blanco Amor.

O incendio. Unha adolescente narra os acontecementos que marcaron os meses previos a un devastador incendio. O lume arrasou Neboeiro, a aldea da súa avoa e cambioulle a vida para sempre.

Rosa Suárez Redondo é natural de Rianxo, é profesora e esta novela é a súa primeira produción literaria.

A miña vida noutro lugar. Mercedes volve dos Estados Unidos embarazada dunha filla, Indira, á que nunca lle desvelou a identidade do seu pai. Tres décadas despois Indira segue as pegadas da nai e regresa de América con información inesperada.

LINGUA CASTELÁ

Leila Guerriero (Xunín, Arxentina, 1967). Xornalista de gran prestixio que asina en medios como El País (España), La Nación (Arxentina) ou Mercurio (Chile). Entre os seus títulos, destacan obras como Los suicidas del fin del mundo ou La otra guerra.

La llamada. A xornalista Leila Guerriero presenta nesta obra o retrato de Silvia Labayru, secuestrada con 19 anos pola ditadura arxentina por montonera, organización guerrilleira. Labayru acabou recluída na ESMA, centro de detención e tortura. Labayru sobreviviu e sempre a perseguiu unha pregunta: Por que segue viva?

Clara Usón (Barcelona, 1961). Estreouse na literatura con Las noches de San Juan, Premio Femenino Lumen en 1988. Dende aquela, publicou títulos como El viaje de las palabras, Perseguidoras, La hija del Este ou El asesino tímido.

Las fieras.Trátase dunha novela que retrata unha xeración sacudida pola violencia, encarnada por dúas mulleres cuxas historias quedan ligadas por un asasinato sen resolver durante a guerra sucia dos GAL.

David Uclés (Úbeda, Xaén, 1990). Escritor, músico, debuxante e tradutor. Con anterioridade publicou as novelas El llanto del León e Emilio y Octubre.

La península de las casas vacías. Nesta obra, definida pola crítica como unha novela total sobre a Guerra Civil en clave de realismo máxico, relátase a descomposición dunha familia, a deshumanización dun pobo e a desintegración dun territorio.

LINGUA ESTRANXEIRA

Zadie Smith (Londres, 1975). Estudou Filoloxía Inglesa na Universidade de Cambridge e forma parte da Royal Society of Literature. É profesora de narrativa da Universidade de Nova York. É autora de libros como Dientes blancos ou El Cazador de autógrafos.

La impostura. 1873. Eliza é a curmá e a ama de chaves do novelista William Ainsworth. Muller de múltiples intereses, Eliza entusiásmase cun xuízo que remexe Londres: Roger Tichborne, rico herdeiro desaparecido anos atrás reaparece para reclamar a herdanza.

Solvej Balle (Bovrup, Sønderjylland, Dinamarca, 1962). Debutou en 1986 con Lyrefugl, e en 1993 consagrouse cunha das obras máis aclamadas da literatura danesa, Según la ley. Con El volumen del tiempo acadou o Premio de Literatura do Consello Nórdico.

El volumen del tiempo. Tara e o seu marido Thomas son libreiros especializados en libros ilustrados do século XVIII. Tara viaxa un 18 de novembro a Bordeos para asistir a unha poxa. Ao final do día cóntalle ao seu marido como foi. Á mañá seguinte, Tara descobre que continúa a ser 18 de novembro. Só ela parece ser consciente do bucle temporal.

Lídia Jorge (Boliqueime, Portugal, 1946). Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Lisboa. Entre 1968 e 1974, impartiu clases en Angola e Mozambique. Voz referente da literatura lusa, asinou títulos como Os memoráveis, Estuário ou Los tiempos del esplendor.

Misericordia. Trátase dun diario do último ano de vida dunha muller a través do cal se narran tamén as historias doutras vidas no escenario dunha residencia de anciáns e no contexto do desafío ao que se enfrontou a humanidade en 2020 por mor da pandemia.

Presentación das novelas finalistas do XXIX Premio San Clemente nos medios