O xoves 23 de outubro déronse a coñecer as novelas gañadoras da XXIX edición do Premio Literario San Clemente – Rosalía nunha rolda de prensa celebrada no Salón de Claustros do centro. Na modalidade de lingua galega, o xurado outorgoullo o premio á novela Pel de cordeiro, de Ledicia Costas; en lingua castelá, a gañadora foi La península de las casas vacías, de David Uclés, e, en lingua estranxeira, o premio recaeu na novela Misericordia, da autora portuguesa Lídia Jorge.

O Premio conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e mais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. No anuncio ante os medios, participaron o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; a directora do IES Rosalía de Castro, Gemma Paredes, e 6 estudantes do xurado que leron a acta do premio de cada modalidade e presentaron a novela gañadora. Os voceiros do xurado na modalidade de lingua estranxeira, Jairo Barros e Cristina Pérez, do IES Isaac Díaz Pardo, declararon que premiaron a novela Misericordia, de Lídia Jorge, polo “lirismo que atravesa o texto”, polo “retrato da beleza do cotiá que ofrece” e pola “visión renovada sobre os nosos maiores”. Os representantes da novela en lingua castelá, David Dios, do IES 12 de outubro de Ourense, e Natalia Argibay, do IES Rosalía de Castro, gabaron a novela premiada, La península de las casas vacías, de David Uclés, pola “súa ambición de novela total”, así como a súa orixinalidade ao empregar “o realismo máxico” e o “multiperspectivismo para tratar a memoria histórica”. Os voceiros en lingua galega, Diego Rodríguez, do IES Sanxillao (Lugo), e Alba García, do IES Rosalía de Castro, destacaron da obra premiada, Pel de Cordeiro, de Ledicia Costas, a súa “singular estrutura e a súa prosa áxil” que permite “facer de todo o fantástico, verosímil”. E tamén sinalaron que era unha “obra completa” que brindaba un retrato orixinal e necesario das relacións entre mulleres”.

Na rolda de prensa lembrouse a singularidade deste galardón que ten como xurado a alumnado de 2º de bacharelato. Nesta XXIX edición, ademais do noso insitituto, participaron 9 centros máis, tanto de Galicia coma do exterior: O IES Antón Losada Diéguez da Estrada (Pontevedra), o IES 12 de Outubro de Ourense, o IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña), o IES Sanxillao (Lugo), o IES Antonio Fraguas de Santiago, o IES Ramiro de Maeztu de Madrid, o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido).

NOVELAS GAÑADORAS

LINGUA GALEGA

Ledicia Costas (Vigo, 1979). É unha das escritoras galegas máis recoñecidas e traducidas. Entre os seus libros, destacan títulos como Infamia ou Golpes de luz. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Literatura por Escarlatina, a cociñeira defunta.

Pel de cordeiro. Catarina pertence a unha estirpe de bruxas. Herda da súa avoa o oficio. Lola é unha muller do século XXI que atravesa unha crise persoal. Ledicia Costas afonda no espertar sexual, na violencia e na maxia con grandes doses de fantasía.

LINGUA CASTELÁ

David Uclés (Úbeda, Xaén, 1990). Escritor, músico, debuxante e tradutor. Con anterioridade publicou as novelas El llanto del León e Emilio y Octubre.

La península de las casas vacías. Nesta obra, definida pola crítica como unha novela total sobre a Guerra Civil en clave de realismo máxico, relátase a descomposición dunha familia, a deshumanización dun pobo e a desintegración dun territorio.

LINGUA ESTRANXEIRA

Lídia Jorge (Boliqueime, Portugal, 1946). Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Lisboa. Entre 1968 e 1974, impartiu clases en Angola e Mozambique. Voz referente da literatura lusa, asinou títulos como Os memoráveis, Estuário ou Los tiempos del esplendor.

Misericordia. Trátase dun diario do último ano de vida dunha muller a través do cal se narran tamén as historias doutras vidas no escenario dunha residencia de anciáns e no contexto do desafío ao que se enfrontou a humanidade en 2020 por mor da pandemia.

Presentación das novelas gañadoras do XXIX Premio San Clemente nos medios