O instituto Rosalía de Castro sitúase nun enclave privilexiado. En pleno corazón de Santiago de Compostela, rodeado pola Alameda, as súas paredes respiran historia. Brillante Colexio de Pasantes, fundado polo Arcebispo D. Juan de San Clemente no século XVII, máis tarde cambiou a súa función a Seminario Conciliar. Albergou o Museo Arqueolóxico, a facultade de Dereito ou A Sociedade de Amigos do País, promotora de numerosos proxectos de modernización e avance intelectual. Polo seu claustro pasou Rosalía de Castro, pero tamén outras figuras senlleiras coma o matemático Domingo Fontán, a escritora Emilia Pardo Bazán ou o poeta Federico García Lorca.
Pura Lorenzana, catedrática de Xeografía e Historia, será a primeira directora do Instituto Rosalía de Castro en 1942. Muller de grande formación, decidida defensora da educación das mulleres, imprimiu ao centro boa parte do carácter e os valores que aínda o impregnan: paixón polo coñecemento, afán de internacionalización e, ante todo, paixón polo alumnado.
Superados eses difíciles primeiros anos, na longa vida do instituto apreciase un ideario educativo común, coma se o propio edificio trasladase aos seus inquilinos idénticas preocupacións: a formación en linguas, a excelencia educativa, as artes, a cultura ou o deporte. Estas inquedanzas vitais motivaron a solicitude do Bacharelato Internacional en 1989. O instituto Rosalía de Castro demostrou o seu carácter pioneiro ao tratarse do primeiro centro público galego que ofertaba este programa de recoñecido prestixio internacional, e o quinto en España. Máis de trinta anos despois, o Bacharelato Internacional é un dos faros do centro e o seu alumnado protagoniza e lidera múltiples dos seus logros. Debido a súa calidade educativa e os seus recoñecidos resultados, o Bacharelato Internacional no IES Rosalía de Castro implicou unha aposta colectiva, creando alianzas estables coa Universidade e o concello de Santiago de Compostela, quen financia parte do programa.
Ano 1989, no pazo de Raxoi, Ubaldo Rueda, director daquela do instituto, coa directora xeral do Bacharelato Internacional, Monica Flodman, e o concelleiro de Educación, Ferreira.
O noso Bacharelato Internacional nútrese dun intenso e ambicioso ensino de calidade que promociona o instituto Rosalía de Castro. En 1993 créase o premio literario de narrativa Arcebispo Juan de San Clemente, onde os alumnos e alumnas son os únicos membros do xurado que escolle as obras gañadoras. Polo centro pasaron autores da valía de Suso de Toro, Mario Vargas Llosa, Javier Marías, José Saramago, Paul Auster, Haruki Murakami ou Arturo Pérez Reverte. Á traxectoria excepcional do premio San Clemente únese no ano 2008 o premio de ensaio Bento Spinoza e desde o 2017 o premio de investigación Stephen Hawking, coordinado, entre outros, polo premio Nobel de Química Jean Pierre Sauvage, o premio Príncipe de Asturias Ignacio Martínez Mendizábal, os científicos Ángel Carracedo. Teresa Rodrigo Anoro ou María Martinón Torres. Con estes tres grandes proxectos, xa consolidados no tempo, e unidos ao Bacharelato Internacional, queda patente a aposta ambiciosa do IES Rosalía de Castro pola investigación, o espírito crítico e o ensino de calidade que fai do noso centro un referente.