O teatro é unha actividade de longa tradición no centro. Sempre houbo alumnado con ganas de subir a un escenario e profesorado ilusionado con levantar unha obra teatral cos medios máis elementais, ás veces incluso sen escenario. Pero é normal que onde hai adolescentes haxa interés polo teatro, porque poñerse na pel dun personaxe e tratar de cativar a atención dos espectadores a través do diálogo e das emocións é algo que engancha aos rapaces xa desde pequeniños –pensemos que moita da súa primeira aprendizaxe deriva do xogo simbólico, que non é máis ca unha representación dos roles sociais– e que continúa na adolescencia, que é cando se atopan no instituto.

No centro sempre houbo disposición e interés para que o alumnado puidese desenvolver a súa afección teatral. Durante os anos 80 e principios dos 90 do século pasado, a dirección das artes escénicas estivo en mans de dous profesores de materias ben antagónicas: José Filgueira, profesor de Física e Química, e Maripaz Padín, profesora de Literatura Española. Ámbolos dous, con moito traballo, capacidade de motivación e ilusión, conseguiron manter a actividade teatral case durante dúas décadas a un nivel altísimo. Da escola de Filgueira saíu Gloria Ferreiro, unha actriz con temperamento que triunfou na Televisión de Galicia. Baixo a dirección de Maripaz Padín representáronse no centro obras de autores consagrados. Coa súa extraordinaria sensibilidade para interpretar os texto literarios, Maripaz conseguía que os actores representasen os seus personaxes cunha fonda carga emotiva. Entre as moitas obras que dirixiu, hai dúas que tiveron moito éxito: a representación de Fuenteovejuna, con Marta Iglesias Platas e David Ferro como protagonistas principais, e a adaptación que fixo da novela La Colmena. Durantes estes anos colabarou co teatro Adela Moldes, unha auténtica experta no deseño de vestiario.

A finais da década dos 90 responsabilizouse desta actividade o profesor de teatro José Arca. Co seu extraordinario labor, o teatro converteuse nunca das actividades estrela do instituto. Comezou cun grupo de teatro e na actualidade ten dous. Baixo a súa coordinación, e en colaboración co alumnado do Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Turística, organiza unha actividade relacionada coas artes escénicas de grande aceptación entre o alumnado: o concurso de coreografías, que se celebra tódolos anos como final de trimestre o derradeiro día de clase antes do inicio das vacacións de Nadal.

OBRAS DE TEATRO CURSO 2023/24