
O 21 de xaneiro de 2026 celebrouse no Salón de actos do centro a XXIX edición do Premio Literario San Clemente – Rosalía na que participaron os/as autores/as das novelas gañadoras desta edición: na modalidade de lingua galega, o xurado outorgoulle o premio á novela Pel de cordeiro, de Ledicia Costas; en lingua castelá, a gañadora foi La península de las casas vacías, de David Uclés, e, en lingua estranxeira, o premio recaeu na novela Misericordia, da autora portuguesa Lídia Jorge.
A singularidade deste galardón é que ten como xurado a alumnado de 2º de bacharelato. Nesta XXIX edición, ademais do noso insitituto, participaron 9 centros máis, tanto de Galicia coma do exterior: O IES Antón Losada Diéguez da Estrada (Pontevedra), o IES 12 de Outubro de Ourense, o IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña), o IES Sanxillao (Lugo), o IES Antonio Fraguas de Santiago, o IES Ramiro de Maeztu de Madrid, o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido).
Agradecemos un ano máis a colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e mais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
NOVELAS GAÑADORAS
LINGUA GALEGA

Ledicia Costas (Vigo, 1979). É unha das escritoras galegas máis recoñecidas e traducidas. Entre os seus libros, destacan títulos como Infamia ou Golpes de luz. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Literatura por Escarlatina, a cociñeira defunta.
Pel de cordeiro. Catarina pertence a unha estirpe de bruxas. Herda da súa avoa o oficio. Lola é unha muller do século XXI que atravesa unha crise persoal. Ledicia Costas afonda no espertar sexual, na violencia e na maxia con grandes doses de fantasía.
LINGUA CASTELÁ

David Uclés (Úbeda, Xaén, 1990). Escritor, músico, debuxante e tradutor. Con anterioridade publicou as novelas El llanto del León e Emilio y Octubre.
La península de las casas vacías. Nesta obra, definida pola crítica como unha novela total sobre a Guerra Civil en clave de realismo máxico, relátase a descomposición dunha familia, a deshumanización dun pobo e a desintegración dun territorio.
LINGUA ESTRANXEIRA

Lídia Jorge (Boliqueime, Portugal, 1946). Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Lisboa. Entre 1968 e 1974, impartiu clases en Angola e Mozambique. Voz referente da literatura lusa, asinou títulos como Os memoráveis, Estuário ou Los tiempos del esplendor.
Misericordia. Trátase dun diario do último ano de vida dunha muller a través do cal se narran tamén as historias doutras vidas no escenario dunha residencia de anciáns e no contexto do desafío ao que se enfrontou a humanidade en 2020 por mor da pandemia.


